Ano Carvalho, celebrando a dignidade

Eduardo Maragoto

As Letras de 2020 foron finalmente para Carvalho e até é probábel que os condicionamentos sanitarios deste ano obriguen a adiar a homenaxe para 2021, vista a imposibilidade de abordar a súa figura e ideario no ensino e na sociedade coa calma que precisa unha figura tan completa.

Carvalho Calero é do tipo de intelectuais que marca a sociedade por décadas. Antes do seu nomeamento para as Letras de 2020, a súa candidatura fora acumulando unha forza sen precedentes dentro da Real Academia Galega. Fora da rúa Tabernas tamén se ouviu o aplauso xeneralizado de todas as persoas preocupadas pola nosa cultura, que nos últimos anos denunciaban que o feito de tentar censurar o seu ideario servise para postergalo indefinidamente. A injustiza finalizou, mais antes de finalizar deixou unha pegada paradoxalmente positiva, pois a censura sofrida até hoxe acabou por tornar maior a lenda, asente no firme compromiso de Carvalho cos seus ideais.

Sen tirar ningún mérito a todas e a todos os anteriores, non se trata de un escritor máis en galego, e non admiraría que se convertese nun exemplo de dignidade para as novas xeracións, como xa tiña sido importante para os seus coetáneos nas diferentes fases da súa vida. Moi noviño xa redacta xunto con Lois Tobío a proposta do Seminario de Estudos Galegos para un anteproxecto do noso primeiro Estatuto de Autonomía. A súa adesión á República lévao a sofrer prisión e afastamento do ensino público durante décadas, mais o seu compromiso coa nosa lingua foi en aumento, escribindo o primeiro romance en galego após a guerra e a gramática e a historia da literatura máis importantes até entón.

Mais non me debruzarei agora sobre asuntos que serán abordados profusamente neste sitio. Só acho necesario lembrar aquí un episodio. En 1979, a Xunta Pre-Autonómica encárgalle a elaboración de unhas normas para a Administración vixentes dous anos. Son de filosofía reintegracionista, aínda que procurando o consenso cos sectores que non comparten esa vía. En 1982 as normas de Carvalho son retiradas polo coñecido Decreto Filgueira, que impón as que aínda actualmente se ensinan nas escolas, da autoría do Instituto da Lingua Galega (ILG). Comezaba a postergación de Carvalho e nacía o movemento reintegracionista.

Entre aquel Decreto e esta homenaxe aconteceron moitas cousas, mais, xunto coa Lei Paz Andrade aprobada en 2014, non encontramos indicios de abertura institucional ao seu ideario desta magnitude. A AGAL, que se sente herdeira do legado carvalhano, só pode dar os parabéns e unirse á celebración.

Este sítio web utiliza 'cookies' próprias e de outrem. Ao premir aceitar, concordas com isto.