Vida de Ricardo Carvalho Calero

(Ferrol 1910 - Santiago 1990)

1º Primeiros anos
(Ferrol 1910-1926)

Primeiros anos

(Ferrol 1910-1926)

Nacemento (Ferrol, 1910)

Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol o 30 de outubro de 1910, no barrio antigo da cidade coñecido aínda hoxe popularmente como «Ferrol Vello», na casa número 51 da rúa de San Francisco. Na fachada dese edificio unha lápida lembra agora que alí naceu o escritor.

Carvalho Calero aos seis meses de vida. Arq. PG

Seus pais eran Maria Dolores Calero Beltrán e Gabriel Ricardo Carballo Naya. O pai era empresario no campo dos equipamentos navais Era unha familia da burguesía comercial ferrolá.

Ricardo era o primeiro dos seis fillos que ía ter o casal.

1919: orfandade

A 21 de abril de 1919 morreu a nai, cando Ricardo (o maior dos irmáns, como fica dito) tiña soamente oito anos. O falecemento foi debido a unha epidemia de gripe, consecuencia da I Guerra Mundial.

Debeu de ser un duro golpe para a familia. Por eses anos aconteceron aínda outras desgrazas familiares E, co tempo, estes acontecementos terán repercusións na situación económica da familia.

É natural que eses acontecementos tivesen repercusión tamén na psicoloxía dos nenos orfos. O Carvalho Calero adulto, lembrando a tristeza que dera á súa infancia a perda da nai, era consciente do influxo que ese trauma infantil exercera na conformación do seu psiquismo, introvertido e prematuramente serio.

Estudos elementais e medios

O neno Carvalho foi alumno dun coléxio privado, o «Colexio Sagrado Corazón de Xesús», que dirixía o escritor Manuel Comellas Coimbra.

Don Manuel Comellas Coimbra (Ferrol, 1853 – Mandiá (Ferrol), 1925) era un home de gran prestixio e influencia social en Ferrol. E na literatura galega ocupa un posto digno especialmente pola súa peza teatral Pilara ou grandezas dos humildes (estreada en 1919). No testemuño do Carvalho adulto é ben perceptíbel a admiración que aquel profesor suscitara nel cando neno.

A miña lembranza dos tempos da infáncia situa-me no Ferrol Vello; eu nascin no Ferrol Vello

Conversas en Compostela con Carballo Calero (1986) Compartir

Estas lembranzas do antigo mestre talvez expliquen algo da temperá afección ao cultivo literario da nosa lingua por parte de Carvalho, que se iniciou precisamente neses anos en que era alumno do colexio de Comellas

Carvalho Calero e Mª Ignacia Ramos

Os primeiros escritos

Desde o tempo da adolescencia, e mesmo desde os anos infantís, comezou a manifestarse a súa vocación de escritor.

Os primeiros escritos publicados foran poemas: apareceron nunha revista ferrolá titulada Maruxa (1925-26). Algún deses poemas estaba xa en galego. E polo mesmo tempo comezou a colaborar, preferentemente con versos máis tamén con outro tipo de artigos, no xornal local ferrolán El Correo Gallego.

Deste xeito, cando sen ter chegado aínda a cumprir os 16 anos de idade, Carvalho Calero ingresou na Universidade de Santiago, levaba xa consigo unha bagaxe de publicacións que, aínda que algo inmaturas como é natural, mostraban con claridade a firmeza da súa vocación de escritor, nomeadamente de poeta.

2. Na Universidade: Lider estudantil e galeguista (1926-1936)

O estudante universitario e activista

(1926-1936)

En Santiago: a carreira de Dereito

En outubro de 1926, cando aínda non cumprira os 16 anos, Carvalho Calero inicia os seus estudos universitarios en Santiago.

A pesar de que a carreira de Filosofía e Letras era a especialidade que máis o atraía, como ese título ofrecía menos saídas profesionais que o de avogado, optou, seguindo os consellos familiares, por seguir a carreira de Dereito. Alcanzou o grao de licenciado en Dereito na primavera de 1931.

Facultade de Dereito da Universidade de Santiago

Nos anos finais da súa carreira universitaria de Dereito, que viñeran a coincidir cos tempos finais da monarquía de Afonso XIII, Carvalho foi tamén figura destacada no movemento estudantil compostelán.

No Seminario de Estudos Galegos

Mesmo se o interese pola cultura galega xurdira en Carvalho xa na etapa da adolescencia ferrolá, como vimos, a chegada ao ambiente universitario significou a súa incorporación plena a ese mundo.

Inmediatamente despois de chegar a Santiago, Carvalho entrou en contacto co Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha institución de iniciativa privada, que tiña como obxectivo o estudo científico da realidade galega en todas as súas dimensións. Así entrou en contacto coas principais figuras do galeguismo cultural.

O meu galeguismo forxouse na convivencia cos galeguistas do Seminário de Estudos Galego

Conversas en Compostela con Carballo Calero (1986) Compartir

A súa vida universitaria estivo deste xeito marcada, tanto pelo ambiente da propia Universidade, como pola convivencia de estudo e inquietudes cos restantes membros do «Seminario de Estudos Galegos».

Actividade propagandística

A introdución no ambiente universitario e sobre todo a adhesión ao movemento cultural do galeguismo non fixo senón intensificar no xove Carvalho a súa vocación de escritor, nomeadamente de poeta.

Polo mesmo tempo iniciou a colaboración na revista galeguista Nós, primeiro con poemas, logo tamén con artigos de crítica literaria e recensións. Diferentes publicacións periódicas recibiron tamén a súa colaboración nesta época.

En 1931 a editorial galeguista Nós publicou Vieiros, primeiro libro poético de Carvalho Calero en lingua galega ou portuguesa. Nel recóllense poemas compostos nos anos precedentes (entre 1927 e 1930 aproximadamente).

A Segunda República española (abril de 1931)

A proclamación da Segunda República española, en 14 de abril de 1931, fixo posíbel inmediatamente dar corpo organizativo ás vellas ansias de que a Galiza tivese unha entidade política propia.

Así foi como, pouco tempo despois, dentro dun grupo de traballo constituído no seo do «Seminario de Estudos Galegos», Luís Tobio e Carvalho Calero redactaban en Santiago un anteproxecto de Estatuto galego, de concepción federalista, que comezaba así: “A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española” (Art. 1º).

Este anteproxecto, porén, non pode despois ser aproveitado literalmente, pois a Constitución española da República (que se aprobou algún tempo despois) resultou non federal senón unitaria Con todo, aquel esforzo non deixou de exercer certa influencia nos futuros textos estatutarios galegos.

A fundación do Partido Galeguista (decembro de 1931)

En decembro dese mesmo ano 1931 celebrouse en Pontevedra a asemblea constituínte do Partido Galeguista. Carvalho Calero estivo alí presente e foi un dos fundadores do partido, ao lado de vultos de tan destacado relevo como Castelao ou Otero Pedraio.

Cunqueiro, Del Riego e Carvalho Calero (Compostela). Arq. PG

Carvalho conservaría sempre a nostalxia do Partido Galeguista, e a fidelidade ao seu ideario político. Na súa ancianidade gostaba de recalcar que o Partido Galeguista fora o único partido ao que el pertencera.

Fin da estadia en Santiago (1932)

Terminada a fase de estudos universitarios, concluíu a súa estadía en Santiago: Carvalho retornou á casa familiar de Ferrol. Poucas semanas despois de volver a Ferrol, e probabelmente co seu impulso, constituíuse na cidade o grupo local do Partido Galeguista.

A pesar de que sempre considerou que a súa vocación vital se desenvolvía no campo intelectual máis que no político, Carvalho dedicou durante os anos da Segunda República Española (1931-1936) moitas enerxías á actividade política dentro do Partido Galeguista, con reunións, discursos, conferencias, artigos, etc.

A carreira de Filosofía e Letras

Como as súas preferencias intelectuais non se vían satisfeitas coa idea de dedicarse ao exercicio da avogacía, decidiu inmediatamente proseguir por libre a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Residindo en Ferrol, acudía a Santiago para realizar os exames.

En xeral, estes anos ferroláns estiveron dedicados sobre todo ao estudo. Con todo, non deixou de colaborar en múltiples actividades colectivas, tanto de natureza política como cultural.

Funcionario do concello de Ferrol (abril de 1933)

Se non ía exercer a avogacía, necesitaba buscar un traballo de que vivir, e foi así como decidiu presentarse a unhas oposicións ao corpo administrativo de funcionarios convocadas polo concello de Ferrol. No mes de abril de 1933 realizáronse as probas, cun tribunal presidido por Jaime Quintanilla. Carvalho Calero obtivo o primeiro posto. Así entraría a traballar como funcionario do concello.

Casa do Concello de Ferrol, anos 30

Outubro de 1933: voda

En 1933 casou en Lugo con Maria Ignacia Ramos Díez (1909-2001), compañeira de estudos universitarios, nativa do concello de Baleira (provincia de Lugo). A moza era agora licenciada en Filosofía e Letras, na rama de Historia. O casal tería dúas fillas.

Será ao longo de toda a vida de Carvalho a súa fiel compañeira, até as horas finais, e colaboradora na sombra en todos os seus traballos Do influxo da súa esposa houbo outra consecuencia importante, tanto para a experiencia vital de Carvalho Calero, como tamén para a súa obra literaria: foi o descubrimento dos valores humanos da sociedade rural galega.

Tamén Maria Ignacia Ramos foi escritora de narrativa en galego, publicada baixo os pseudónimos «Silgar» e «Maria Silgar».

A Madrid: xuño de 1936

En xaneiro de 1936 Carvalho concluíu a carreira de Filosofía e Letras. E nos últimos días de xuño de 1936 viaxou a Madrid para participar nunhas oposicións ao ensino oficial. Pensaba retornar un mes máis tarde aproximadamente, mais os acontecementos marcaríanlle camiños imprevistos.

En Lugo ficaba a súa muller, con familiares, próxima a dar a luz á primeira filla.

3. Guerra, cárcere e ostracismo (1936-1950)

Guerra, cárcere e ostracismo

(1936-1950)

Os primeiros días da guerra civil

A 18 de xullo de 1936 estendeuse por grande parte do Estado a rebelión militar que significaría o inicio dunha sanguenta guerra civil, de case tres anos de duración (do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939).

A Galiza ficou, despois das primeiras horas, en mans dos militares levantados, mentres Madrid seguiu baixo o controlo do goberno republicano até os días finais da guerra.

Cruceiro “Almirante Cervera”, tomado en Ferrol e decisivo na caída de Ferrol e da costa Ártabra a mans dos golpistas franquistas

Situados así a Galiza e Madrid nos bandos opostos, para Carvalho Calero, que se achaba ocasionalmente en Madrid, ficou cortada a posibilidade de comunicarse directamente coa familia na Galiza. A última noticia que dela lle puido chegar antes de ficaren interrompidas as comunicacións foi o telegrama que lle daba a saber o nacemento da filla esperada, e que tanto ela como a nai se encontraban perfectamente.

Iniciada a guerra, Carvalho Calero participou na defensa de Madrid. Resultou ferido nos ollos por efecto de metralla, aínda que non de gravidade.

En Valencia

Para formar oficiais o goberno republicano puxo en marcha varias escolas militares, que organizaban cursos de breve duración. Carvalho Calero foi destinado a unha delas, en Paterna, a poucos quilómetros de Valencia. Terminou o curso co grao de “tenente en campaña”.

No exército de Andalucía

Terminado o curso de oficiais en Paterna co grao de «tenente en campaña», Carvalho Calero foi destinado ao Exército de Andalucía: primeiro estivo destinado en Úbeda (Xaén) e despois na propia capital provincial. Como titulado en Dereito, desempeñou ali a función de axudante dun xefe de servizos xurídicos

Durante a guerra non publicou nada, máis non abandonou o cultivo literario. Desa época datan algúns poemas que logo serían incluídos nos seus libros Anxo de terra (1950) e Poemas pendurados de un cabelo (1952).

Fin da guerra: xuízo e condena

Carvalho Calero achábase na cidade andaluza de Xaén cando, na primavera de 1939, concluíu a guerra civil española coa vitoria do exército de Franco. Os vencedores someteron a xuízo a todos os oficiais rendidos. Carvalho, dada a súa militancia galeguista durante o período republicano, foi condenado a doce anos e un dia de reclusión na propia cidade de Xaén.

No cárcere podía escribir, mais a censura non permitía usar outra lingua que o castelán. Escribiu entón moitos poemas en lingua castelá, que deixou inéditos (e que se publicarían postumamente): un conxunto a que deu o título Avena loca; algúns romances de tema bíblico que articulou nun libro titulado Romancero de apócrifos y canónicos; e unha serie de sonetos titulada Teoria de Eva, constituída por retratos femininos de tipo xenérico («La humilde», «La soberbia», «La melancólica»…).

Retorno á Galiza

Pasados dous anos de reclusión, na primavera de 1941 ficou libre, mais como “penado en liberdade condicional” até o momento da extinción da pena de 12 anos

Establecido novamente en Ferrol, as condicións nas que tivo que sobrevivir coa súa familia non foran nada sinxelas. Pouco a pouco puido ir conseguindo algún traballo docente en centros de ensino privado, en condicións laborais precarias, impostas polo feito da condena xudicial non lle permitir alcanzar a categoría de profesor oficial.

 Postal de Ferrol, 1945

A escrita liberadora

Nesta época escribiu moito, a pesar de que o seu tempo libre era reducido e as esperanzas de poder publicar naquelas circunstancias eran mínimas.

Escribiu entón varias pezas teatrais: IsabelA sombra de OrfeuFarsa das zocas A árbore.
Foi tamén entón cando naceran varios dos textos narrativos: a novela A gente da Barreira e os relatos «Os señores da Pena» e «O lar de Clara», que só se farían públicas na súa edición definitiva da narrativa, Narrativa completa (1984).

Sem os sonhos, sem as utopias, a realidade tende a fossilizar-se em formas esgotadas.

Prólogo a Nimbos, de José Diaz Castro (1984) Compartir

E escribiu, como sempre, poesía, que máis tarde sería parte dos libros de poemas Anxo de terra (1950) e Poemas pendurados de un cabelo (1952), e un breve libro de índole popular, O trebo das catro follas (1944), que ficaria inédito até depois da sua morte.

Por outro lado, a través de modestas colaboracións xornalísticas con comentarios literarios, foise configurando a figura do que en poucos anos será un extraordinario investigador da nosa literatura, de crítica serena e perspicaz.

Carvalho Calero, último pola esquerda e estudantes do Fingoi de visita cultural. Arq. Fingoi

O romance A gente da Barreira

Carvalho puido coñecer nas conversas da parentela da muller a evolución dunha familia fidalga, das terras do centro-leste da provincia de Lugo, que reflectía un fenómeno frecuente na historia galega moderna: o decaemento da antiga aristocracia rural.

Por outro lado, visto que a guerra civil e a nova situación política da España supuxeran a destrución da cultura en lingua galega, no momento en que se intentaba emprender o camiño da reconstrución dábase entre os preocupados por este labor un certo acordo en que había xa unha tradición consolidada de poesía e que conviña acentuar agora os esforzos na prosa.

Deste conxunto de factores naceu o romance A gente da Barreira. Cando xa a obra estaba concluída, a “Editorial de los Bibliófilos Gallegos” (unha asociación bibliófila con sede en Santiago) convocou en 1949 un concurso de romance galego: premiaríase a mellor novela de ambiente galego, que podería estar escrita tanto en galego como en castelán. O resultado do concurso, no que a obra de Carvalho resultou premiada, tornouse público en abril de 1950.

Serán co bispo Ona de Chave. Carvalho Calero no centro Arq. Fingoi

4. O mestre galeguista (1950-1980)

O mestre galeguista

(1950-1980)

O Colexio «Fingoi»

Don António Fernández López, ativo empresario e xeneroso mecenas da cultura galega, tivo a idea de construír en Fingoi –entón lugar nas imediacións da cidade de Lugo, hoxe englobado xa dentro da área urbana– un centro de formación de características algo especiais: estría inspirado por unha concepción pedagóxica renovadora e instalada na realidade galega. A pesar de non coñecer persoalmente a Carvalho, co asesoramento de amigos comúns, decidiu ofrecerlle o cargo de director do Centro.

Así, en 1950 Carvalho Calero establece a súa residencia estábel en Lugo, estancia que se prolongaría durante quince anos (1950-1965), en que exerceu a función de director responsábel e de profesor.

Havia que cumprir o velho preceito, mil vezes repetido e mil vezes esquecido, de que ensinávamos para a vida, e nom para a escola

Labor de investigación literaria

Simultaneando o labor docente e pedagóxico coa investigación persoal, continuando o traballo xa iniciado anos antes, neste período lucense Carvalho estudou desde a perspectiva da crítica literaria as obras máis importantes da literatura galega.

De entón data a súa tese de doutoramento, presentada en Madrid en 1954, sobre literatura galega moderna.

Integrado no grupo da Editorial Galaxia, que acababa de fundarse, en Fingoi comezou Carvalho o traballo que levaría á publicación da súa obra máis monumental: a Historia da literatura galega contemporánea, publicada en 1963-1975.

1950. Fundación Galaxia. Carvalho Calero e António Fernández ao fondo. Arq. Fingoi

No 17 de maio de 1958 ingresou na Real Academia Galega con un discurso que se publicaría o ano seguinte co títuloContribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía.

A longa estadía de Carvalho en Fingoi ficou perpetuada no título dun dos seus libros poéticos Salterio de Fingoy (1961).

O Centro de Estudos Fingoy

Sob o mecenato de Don António Fernández López e a dirección de Carvalho Calero, o Colexio Fingoi foi, ademais de centro de formación de estudantes, centro de exercitación de docentes: figuras tan importantes na cultura galega como Bernardino Graña, Méndez Ferrín e Arcadio López Casanova tiveran oportunidade de realizar ali as súas primeiras experiencias como ensinantes.

No colexio de Fingoi instituíuse ademais un centro de investigación lingüístico-literaria galega, que apoiou con bolsas de estudo iniciativas neste campo, nun momento en que as institucións oficiais se preocupaban pouco deste campo.

Grande éxito de público e de crítica tivo a colectánea de contos populares que levou o título Contos populares da provincia de Lugo da cal se publicou unha segunda edición en 1972.

Tamén foi froito do apoio do Centro de Estudos Fingoy a edición crítica das cantigas do trobador Pero Meogo, elaborada por José Luís Méndez Ferrín e aparecida en 1966.

1954. Carvalho Calero na feira de Castroncám. Arq. Fingoi

1965: profesor na Universidade

Nos inicios do curso académico 1965-1966 estableceuse en Santiago como profesor de lingua Española e Literatura no Instituto «Rosalía de Castro» e, ao mesmo tempo, como profesor na disciplina de lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago, onde en 1972 alcanzaría a categoría de catedrático

Comezou así a longa estadía de Carvalho na cidade de Santiago, que perduraría xa para toda a súa vida, aínda que nos derradeiros anos, xa xubilado da docencia, dividise a residencia coa cidade de Lugo, onde vivía unha das fillas.

Unha nova vida para a lingua

O labor de Carvalho Calero desde o seu posto de ensinante universitario abrangue múltiplas facetas: desde o contacto persoal até a investigación máis seria.

En 1966 aparece a primeira edición da súa Gramática elemental del gallego común, que foi na cultura galega un acontecemento de enorme transcendencia.

En 1970-71 a Real Academia Galega fez públicas unhasNormas Ortográficas e Morfológicas. O redactor fundamental deste documento foi Carvalho, que tivo en conta algunhas observacións que fixeran outros académicos.

1979: as Normas lingüísticas da Xunta pre-autonómica

En 1979, cando a Galiza estreaba goberno autónomo –con carácter de “pre-autonomía”, pois aínda non fora plebiscitado o Estatuto–, a Xunta pre-autonómica decidiu constituír unha comisión que establecese unhas normas lingüísticas para o uso administrativo e nomeou a Carvalho Calero presidente da mesma.

As normas que de aí sairon admitían un certo número de solucións duplas, que intentaban estabelecer unha concordia entre as dúas tendencias (reintegracionista e isolacionista), deixando ao tempo a tarefa de ir dando prevalencia a unha sobre outra.

Porén, despois o goberno galego encamiñou a política lingüística galega pola vía do illamento a respecto das restantes normas portuguesas.

5. O mestre reintegracionista
(1980-1990)

O mestre reintegracionista

(1980-1990)

Xubilación da docencia

O dia 30 de outubro de 1980 Carvalho Calero cumpría 70 anos e atinxía así o que naquel momento era a idade regulamentar de xubilación académica. Terminaba deste modo o seu traballo docente.

Ostracismo e homenaxes

Tanto a súa personalidade científica e literaria como a súa actitude ética ao longo de tantos anos gañáranlle unha xeral veneración en amplos ámbitos da sociedade galega. Desde os últimos anos 60 a finais dos 70 Carvalho Calero gozara na Galiza dun prestixio reservado a poucos.

Carvalho Calero, segundo pola esquerda. Arq Jose Luís Rodríguez

Porén, o debate sobre o futuro da lingua da Galiza (e, conseguintemente, da súa identidade idiomática) situou a Carvalho Calero en posición de albo dunha crecente incomprensión, que se foi transformando en aberta hostilidade, mesmo por parte dalgúns dos seus antigos amigos. Por esta razón, a partir de entón Carvalho viuse relegado e marxinado, e até desprezado e calumniado de diversos modos, sobre todo desde as distintas instancias do poder político-cultural.

O galego ou é galego-português ou é galego-castelam

Precisamente porque había unha conciencia común da inxustiza que o galeguismo oficial exercía contra o vello mestre, Carvalho viuse agasallado pelo cariño de moitos amigos verdadeiros, de moitos alumnos e admiradores Por iso, nos últimos anos abundaran as homenaxes á súa persoa, en certo modo como desagravio perante o ostracismo a que se vía sometido por parte do galeguismo oficial a causa das súas ideas reintegracionistas.

Así, en decembro de 1981 a Sociedade Cultural «Medulio», de Ferrol, organizou unha semana de actos na súa honra. Pouco despois, en maio de 1982 varias entidades culturais galegas dedicáronlle na Coruña unha nova homenaxe. Posteriormente a revista O Ensino dedicoulle un número de homenaxe, con participación de numerosos colaboradores.

Carvalho Calero nun congreso organizado polo grupo da AGAL en Bos Aires

Ao mesmo tempo, outras institucións outórganlle tamén honras: en 1981 a Academia das Ciencias de Lisboa acólleo como membro da corporación, e tanto a Asociación de Escritores en Lingua Galega como a Asociación Galega da lingua (AGAL) fano membro de honra.

En canto ás súas relacións co novo poder político galego, Carvalho aceitou a medalla «Castelao» que en 1984 lle outorgou o goberno galego, máis recusou o convite de Filgueira Valverde, na altura membro do goberno, para facer parte do Consello da Cultura Galega que acababa de instituírse.

Actividade cultural

Neste tempo, continuou traballando intensamente, agora con maior dispoñibilidade de tempo por acharse libre das obrigas docentes.

1) Labor de publicista

En primeiro lugar, a súa actividade creadora non só non se detivo senón que, aproveitando o tempo agora máis libre, intensificouse

Nestes anos someteu a revisión e reeditou a súa obra literaria completa:

  • poesia: Pretérito imperfeito (1927-1961) (1980), Futuro condicional (1961-1980) (1982);
  • teatro: Teatro completo (1982);
  • narrativa: A gente da Barreira e outras histórias (1982) e Narrativa completa (1984);
  • algúns escritos xuvenís sobre temas diversos (La fuerza pública en la Universidad de Santiago y otros escritos escolares (1930-1933) (1987).

Ao mesmo tempo, avivou o labor de creación no campo da poesía con dous novos libros: Cantigas de amigos e outros poemas (1980-1985) (198) e Reticências… (1986-1989) (1990, aparecido xa postumamente).

Merece salientar neste punto a súa nova e máis importante creación no campo da narrativa co romance auto-biográfico Scórpio (1987), que foi recibido con xerais louvanzas e premiado pola crítica.

Carvalho Calero nunha imaxe do fotógrafo ferrolano Malde.  Arquivo da USC

Proseguiu tamén o traballo no campo da Crítica Literaria e da Lingüística con novos libros, recopilando traballos novos e vellos. Versan especialmente sobre temas literarios as obras Libros e autores galegos (II): século XX (1982), Letras galegas (1984), Estudos e ensaios sobre literatura galega (1989), Escritos sobre Castelao (1989), ademais da reedición da Historia da literatura galega contemporánea (1808-1936) (1981, 3ª edição) e da edición de textos literarios (as Cantigas de amor, de escarnio e de louvor (1983) do rei Afonso X o Sábio (em colaboración con Carmen García Rodríguez) e a Antología bilingüe (1983) de Castelao). Tratan mormente temas lingüísticos os libros Da fala e da escrita (1983) e Do galego e da Galiza (1990).

Seguiu colaborando nos xornais, especialmente en La Voz de Galicia, da Coruña, con artigos de divulgación, e formou parte do consello de redacción da revista Agália, que seria o seu principal órgano de expresión nestes anos, como antes o fora a revista Grial.

2) Ativismo socio-cultural

O seu labor nestes anos, como sempre fora, non se limitou unicamente a actividades de escritorio: tamén desenvolveu accións públicas e partillou o aticismo cultural de diversos colectivos.

Eu desexaria unhas primaveras nas que florescese sen receios a unidade e variedade do noso idioma e da nosa cultura

Conversas en Compostela con Carballo Calero (1986) Compartir

Así, acompañou con entusiasmo desde o primeiro momento a fundación da AGAL (Asociación Galega da lingua), que se convertería nos anos sucesivos no seu círculo de compañía máis querido, por ele considerado como unha especie de testamenteiro dos seus ideais lingüísticos. El co-presidiu os dous primeiros congresos da lingua organizados pola AGAL en 1984 e 1987 respectivamente.

Carvalho Calero e Manuel María no primeiro congreso de AGAL. (Foto Martinho Montero)

Igualmente participou nos congresos en torno ás figuras de Rosalía e de Castelao, celebrados en Santiago, respectivamente, en 1985 e en 1986. E fixo conferencias en moi diferentes foros, viaxando por toda Galiza e por fóra dela.

A enfermidade e a morte

En 1988 apareceran os primeiros síntomas da doenza que acabaría levándolle a vida: cancro pulmonar. Entre a clínica e o seu domicilio compostelán achará aínda enerxías para continuar o traballo case até o derradeiro dia.

O 7 de xaneiro de 1990, xa moi avanzada a doenza, aínda acode a Ferrol para recibir persoalmente da Concello o título de Fillo Predilecto da cidade.

Faleceu en Santiago, o 25 de marzo de 1990. Non chegou, pois, a cumprir os 80 anos, que completaría en outubro.

Na tarde do dia 27 celebrouse o funeral de corpo presente na igrexa de San Francisco, de Santiago. Seguidamente o seu cadáver recibiu sepultura no cemiterio compostelán de Boisaca; alí, no túmulo número 1439, repousan os seus restos.

Carvalho Calero, Arq. PG
José-Martinho Montero Santalha
José-Martinho Montero Santalha

José-Martinho Montero Santalha (Cerdido, Corunha, 1947), autor desta biografía é doutor en Filoloxía e especialista en poesía trobadoresca. É un dos membros fundadores da Associaçom Galega da Língua (AGAL) e integrante da súa Comisión Lingüística. Foi o primeiro presidente da Academia Galega da Lingua Portuguesa (AGLP) desde a súa fundación, en 2008.

Este sítio web utiliza 'cookies' próprias e de outrem. Ao premir aceitar, concordas com isto.