A programación do Ano Carvalho Calero afondará na “universalidade” do galego sen “obviar o debate”

As institucións e entidades que participan na organización dos actos de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero presentaron este luns as actividades programadas para o Día das Letras Galegas. O acto central, como é tradición, será a celebración dun pleno extraordinario da Real Academia Galega o 17 de maio, que nesta ocasión se celebrará no Teatro Jofre de Ferrol. Ademais, despois do verán terá lugar un simposio que afondará dende a perspectiva académica en distintos aspectos da súa obra e do tempo histórico que o intelectual viviu.

Na presentación da programación prevista, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, destacou que este ano se recoñece “unha das grandes figuras do galeguismo e da cultura galega do século XX”. Freixanes salientou que a institución é “consciente” de que promove un debate que non debemos obviar, que é o das posibilidades da proxección da nosa lingua alén das fronteiras administrativas e a súa relación coa comunidade irmá lusobrasileira e africana”.

“É un debate que ten que ver coa universalidade do galego que defendía a Xeración Nós e que non se reduce a unha cuestión lingüística, moito menos ortográfica, senón que debemos relacionala coa capacidade creativa da sociedade galega en todos os ámbitos: a industria, a ciencia, a tecnoloxía, a arte, o pensamento etc.”, concluíu.

Ademais de Freixanes, participaron no acto o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; as fillas do homenaxeado, Margarita Carballo Ramos e María Victoria Carballo-Calero; o presidente da Associaçom Galega da Língua, Eduardo Sanches Maragoto; a responsable de RSC da CRTVG, Marta Fernández Sánchez; a tenente de alcalde do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; e o tenente de alcalde do Concello de Ferrol, Antonio Golpe Díaz.

O acto tamén contou entre o público convidado con representantes de distintas asociacións, entidades e empresas que colaborarán ou conmemorarán dalgún xeito as Letras Galegas de Carvalho Calero.

Pola banda da RAG, a Academia presentou xa o pasado mes de xaneiro o espazo biográfico dedicado a Carvalho Calero, asinado por Henrique Monteagudo. A sección completarase con novas, reportaxes, entrevistas e artigos que se publicarán ao longo dos vindeiros meses.

Igualmente, a semana pasada botou a andar a nova edición do proxecto Primavera das Letras, co que a RAG achega recursos lúdicos e didácticos para que nenos e nenas se acheguen á figura e á obra do homenaxeado. A web, que se irá enriquecendo con novos contidos ata o mes de maio, foi presentada o 11 febreiro da man da comunidade educativa do CEIP Cruceiro de Canido, en Ferrol. Xa se pode descargar a ficha Ricardo Carballo Calero, letras para contar un país.

Nova publicada orixinalmente en Praza Pública.

Partilhar:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email
Este sítio web utiliza 'cookies' próprias e de outrem. Ao premir aceitar, concordas com isto.