0. Art. sobre Ricardo CarvCalero-Nos. Encrucillada

    Xoan Castro

    A “xeración Nós” ou “grupo Nós” foi, posiblemente, a máis senlleira das xeracións galegas, o colectivo máis xenial e frutífero da historia da cultura galega; ao que pertencen tres xigantes: Castelao, Otero Pedrayo e Risco. O seu compromiso coa cultura e o pobo de Galiza sentaron as bases do galeguismo, e aínda do nacionalismo galego. “Por eles tamén nós somos nós”, ten escrito con acerto Carlos Baliñas. E Chao Rego: “Hoxe constitúen non só obrigado, senón aínda máis, devoto punto de referencia para aqueles que queiran enrolarse na ringleira dos bos e xeneroso”. Desde que souben deles na miña mocidade, Castelao, Otero Pedrayo, Risco e Cuevillas, foron persoeiros moi queridos para min, sobre todo os dous primeiros; eles forman xa para sempre parte moi importante da miña historia de compromiso co galego e con Galiza. Non nado na Galiza, senón chegado de fora, sen eles, posiblemente, o meu vencello a esta Terra non sería tal. Por iso, dediqueilles o meu primeiro libro A xeracións “Nós”. Galeguismo e relixión (Galaxia, 1988) -que ven de cumprir xa os seus 30 anos, e foi o primeiro libro que se publicou sobre o senlleiro grupo-. Xosé Chao di no Limiar do meu libro: “Unha Introdución como aínda non existe para entendermos á xeración Nós”. Dediqueilles tamén unha parte importante do meu seguinte volume Galegos e cristiáns. “Deus fratresque Gallaeciae” (SEPT-Galaxia, 1995), e bastantes artigos máis aparecidos en publicacións galegas como Encrucillada, Grial, Irimia, etc.

    O longo capítulo que lle dedicou Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago 1990) ao grupo “Nós” na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea (Galaxia 1963, 2ª edición ampliada en 1975, 3ª e última en 1981), é un fito fundamental e inaugural para comprender esta xeración, así como a literatura galega desde comezos do século XIX até mediados so século XX. Desgraciadamente, a obra non se volveu editar ao longo dos case corenta anos que pasaron desde entón. ¿Falla de interese do publico lector e comprador, ou falla de interese da editorial na que veu a luz, por ser o seu autor un “herexe” do galego, a causa do seu reintegracionismo? Vía hai un tempo un magnífico debuxo dun monumento a Carvalho Calero coa lenda “As Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero, en desagravio”. Afortunadamente, 2020 vai ser a data significada e simbólica na que se lle dediquen a este gran escritor e investigador as Letras Galegas e sexa  declarado “Ano de Carvalho Calero”.

    O baleiro de catro décadas na reedición da Historia da Literatura Galega Contemporánea veno encher, polo que respecta ao capítulo da xeración Nós, un libro que veu a luz recentemente; a tradución castelá, con Introdución e notas da filóloga e profesora Mª Pilar García Negro: El grupo Nós. Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas y Antonio Losada Diéguez.

    Este volume aparece nun momento importante, como pórtico do centenario da aparición da revista Nós (2020), que lle dá nome á senlleira xeración que a levou adiante: o grupo ourensán formado sobre todo por Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, xunto con Castelao. Este volume aparece nun momento delicado e conflitivo para a mesma cultura e lingua galega, en claro descenso. 

    Como recoñece García Negro na introdución, a obra de Carvalho Calero “eríxese como obra realmente inaugural, auroral, poseedora por primeira vez dunha metodoloxía moderna e actualizada”. A Historia da Literatura Galega Contemporánea veu a luz valentemente nun momento especialmente conflictivo para o galego: a ultima década da dictadura franquista, coa súa terrible censura; un marco político que condicionou a expresión de autores prohibidos, polo que marabilla “a capacidade do seu autor para non ocultar nada relevante de personalidades qu son initelixibles se prescindimos da súa dimensión política e social”, particularmente no caso de Castelao.

    As case 30 páxinas de texto apretado da obra en formato grande de Carvalho Calero, na edición de 1981, convértense nun magnifico e agradable libro de 140 páxinas, grazas a excelente Introdución (“El grupo Nós en la historia de Galicia”), tradución e notas de Mª Pilar García Negro. Como lembrarán os que lemos e aprendemos na Historia da Literatura Galega Contemporánea, o capítulo “O grupo ‘Nós’” (cap. XI, pp 633-687) ten 19 apartados, que aquí son separados como capítulos: “A revista Nós”. “A personalidade de Vicente Risco”. “A súa obra narrativa”. “A súa obra ensaística”. “Vida de Castelao”. “A súa persoalidade literaria”. “Castelao narrador”. “Castelao dramaturgo”. “Castelao ensaísta”. “Perfil biográfico de Otero Pedrayo”. “A obra literaria. Novelas”. “Narrativa breve”. “Valor da narrativa de Otero Pedrayo”. “Ensaio”. “Teatro”. “Poesía”. “Estilo”. “Florentino Cuevillas”. “Antonio Losada Diéguez”.

    As notas de García Negro aclaran en ocasións aspectos do texto de Carvalho Calero que poden ser descoñecidos sobre todo para o lector non galego: A razón de ser da verba Nós, que eran as “Irmandades da Fala” ou o Seminario de Estudos galegos, algunha breve indicación bibliográfica complementaria, aclaracións sobre algúns nomes menos coñecidos como Xulián Magariños ou o mesmo Antolín Faraldo… Pero bótase en falta algunha corrección de erros do texto de Carvalho Calero. Coma o feito de que o autor semella descoñecer o ultimo número publicado da revista Nós. Di Carvalho que este foi o número 137-138, e que estaba preparado xa no prelo o noº 139-140, que non aparece a causa de estoupar a guerra civil; pero o número 139-144 vería a luz anos despois; podemos desfrutalo hoxe grazas a edición facsímile de Galaxia: “Nós. Boletín mensual da cultura galega”, tomo VI, Vigo 1979. Unha publicación que debeu coñeceu o autor, pois fala no seu texto dun número especial, o nº 145, publicado nese tomo con ocasión da celebración do cincuentenario da revista (1970), con textos da meirande parte dos colaboradores aínda vivos da revista; pero non fala do nº 139-144, que ignorará o lector que non tivera aceso a edición de Galaxia.

    Tamén se bota en falta nesta tradución/edición do capítulo sobre o grupo “Nós” da  Historia da Literatura Galega Contemporánea algunhas notas que completaran a obra publicada dos máis salientables persoeiros reseñados e estudados: Vicente Risco, Castelao e Otero Pedrayo. Aínda que é certo que Carvalho Calero –como di expresamente en máis dunha ocasión- achégase só aos textos literarios destes autores; sen embargo, deixa fora algunhas publicacións deles, que se poderían citar aquí en notas. 

    Ao falar de Risco, Carvalho comenta extensamente a súa gran novela O Porco de Pé (1928), fala tres liñas da súa novela didáctica A coutada (1928), unhas poucas liñas do libros de lendas O lobo da xente (1925), e só nomea A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925);  fala un pouco máis do seu primeiro relato breve Do caso que lle aconteceu ó Dr. Alveiros (1919) e de Os europeos en Abrantes (1927), e finalmente da peza teatral O bufón do Rei  (1928). Pero nin nomea as súas tres novelas en castelán: La puerta de paja (1963), Gamalandalfa (1985), La verídica historia del niño de dos cabezas de Promonta (1985). Pode que fose porque foran en castelán, ou tamén porque só a primeira vira a luz cando saíu a ultima edición da Historia da Literatura Galega; pero creo que debian citarse aqui en nota. Igualmente, no capítulo dos seus ensaios fálase dos volumes Leria (1961) e Mitteleuropa. Impresións dunha viaxe (1935). Pero nin se nomea ningún máis dos outros ensaios de Risco, aínda que foran a maioría en castelán: Teoría do nacionalismo galego (1920), Elementos de metodología de la historia (1928), El problema político de Galicia (1930) Manuel Murguía (1933); ou o extenso volume Historia de los judíos desde la destrucción del templo (1944), o seu polémico e moi “risquián” ensaio Satanás. Biografía del diablo (1947), a súa Historia de Galicia (1952), ou os seus excelentes Orden y caos (1968), Libro de las horas (1961) e Mitología cristiana (1963), sen esquecer o último que veu a luz, xa despois do seu falecemento: Las Tinieblas de Occidente. Ensayo de una valoración de la civilización europea (1990).

    O estudo que Carvalho Calero fai de Castelao está máis completo. Recolle toda a súa obra narrativa e dramática, tan exigua como magnífica; escrita no que Carvalho cualifica con acerto coma o mellor galego dos tres autores: Un ollo de vidro (1922), Cousas (1926 e 1929); Os dous de sempre (1934), Retrincos (1934) e Os vellos non deben de namorarse (1953). Da súa obra ensaística, céntrase só en Sempre en Galiza (1944 e 1961); aínda que cita As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1949); asemade os seu albumes gráficos (sobre todo os máis conflitivos para citar cando a súa Historia da Literatura Galega veu a luz nos derradeiros anos da ditadura: Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos). Hoxe habería que lembrar tamén a publicación que se foi facendo dos textos e diarios de arte de Castelao (sobre todo o seu Diario 1921) e outras prosas.

    En fin, Carvalho dedícalle máis espazo á obra inmensa de Otero Pedrayo, os seus miles e miles de páxinas publicadas, na que quedan fora tamén obras relevantes que se poderían citar aquí. Da narrativa en galego fálase de case toda a obra publicada, agás dos volumes de relatos breves Contos de Santos e Nadal (1932) e O Maroutallo (1974). Pero debería facerse referencia tamén ás súas catro novelas en castelán: Las palmas del convento (1941), Adolescencia (1944), La vocación de Adrián Silva (1950) e La fiesta del conde Berstein (publicada serodiamente en 1988). Das obras de teatro fálase só de A lagarada (1928) e O desengano do prioiro (1952); pero habería que citar tamén Teatro de máscaras (1934), Macías o Namorado (1959), Rosalía (1959), O fidalgo e a noite ou Noite compostelá, e outras obras publicadas en Teatro ignorado (Galaxia, 1991). En poesía, fálase só de Bocarribeira (1958); pero hoxe habería que citar tamén outros poemarios publicados recentemente como Poesía (Galaxia, 2010) ou Xeórxicas do pan (Galaxia, 2013). En fin, a obra de ensaio de Otero é inmensa (teño censado máis de 50 volumes publicados; a meirande parte de xeografía e historia). Carvalho Calero fala aquí sobre todo do Ensaio histórico sobre a cultura  galega (1933), pero tamén da Guía de Galicia (1926), a primeira obra ensaística de Otero, Síntese xeográfica de Galicia (1926) e Pelerinaxes (1929); e fai referencia a Síntesis histórica do século XVIII en Galicia (Galaxia, Vigo 1969), Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal  (1931), Morte e Resurrección (1932), Lembranza de Goethe (Nós, Santiago 1932), Polos vieiros da saúde (1952), O espello na serán (1966) e o emotivo O libro dos amigos (1953). Pero non compre citar outros quince libros máis sobre temas de xeografía; en galego (Problemas da xeografia galega, Paisaxe e cultura, etc.) e castelán (Paisajes y problemas geográficos de Galicia, Las ciudades gallegas, Geografía de España en 2 vols, etc.). E outros vinte ensaios máis de historia e literatura dos que se podía poñer a referencia, como é o caso de: Unha impresión da Galicia do Sul no século XVIII (1929), Breve historia de Galicia (1939), Galicia. Una cultura de occidente (1975), ou o suxerinte volume publicado recentemente Una historia del arte universal (2004). En fin, ademais de O libro dos amigos, Otero ten varios ensaios sobre persoeiros como Xelmírez, Padre Feijóo, Marcelo Macías, Varela de Montes, Prieto Nespereira, Florentino Cuevillas ou Castelao.

     

    Compre concluír dicindo de novo que paréceme un gran acerto a publicación deste volume de Ricardo Carvalho Calero. E paréceme tal por varias razóns:

    • En primeiro lugar, por lembrar a estes senlleiros persoeiros aos que tanto lles debe a cultura galega. E facelo no centenario da aparición da revista Nós, que segue sendo aínda unha referencia de revista de alta cultura, e unha fonte de información, estudo e pensamento.
    • Porque, como afirma con acerto García Negro, a do grupo Nós “é unha literatura que non ten envellecido”, segue sendo moderna, e continúa  interpelando ao lector actual “aínda necesitado de descubrir o seu propio país, como eles mesmos o viviron, necesitado aínda dunha anagnórise cordial que o revele na súa natureza auténtica”.
    • A versatilidade e o humanismo polígrafo dos seus autores son un exemplo para hoxe, con tanta mentalida plana, ou reducida nos indicviduos aos seus intereses especializados, excluindo as outras perspectivas culturais e científicas. Sobre todo Castelao e Otero dan a meirande mostra diso. Creación, investigación, compromiso político e social… “Todo por Galiza”, como gustaban repetir: un pobo, unha terra, unha fala; claramente distanciados do “regionalismo bien entendido”, e afirmando a condicón nacional de Galiza.
    • En fin, o libro de Carvalho Calero, ademáis de ser “obra inaugural” e de referencia -como recoñece García Negro-, resulta sumamente actual. A pesar do marco restritivo no que viu a luz, cos imperativos da censura franquista, manifesta unha liberdade de expresión, unha información e unha análise da que aínda hoxe aprendemos; asemade “define os principios epistemolóxicos básicos para a conceptualización e delimitación da literatura galega”, como di Mª Pilar García Negro.

     

    Eduardo Sanches Maragoto
    Eduardo Sanches Maragoto

    Oriundo do Ortegal (Barqueiro, 1976), é licenciado em Filologia Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e docente de Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) desde 2001. Formou parte do conselho de redaçom do jornal Novas da Galiza e desde 2015 é presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL).

    Este sítio web utiliza 'cookies' próprias e de outrem. Ao premir aceitar, concordas com isto.